
A directora científica de ECOBAS abordará a valoración económica de danos e beneficios ambientais en AIReF
O impacto económico e fiscal do cambio climático é o asunto que motiva o vindeiro seminario da Autoridad Indepenciente de Responsabilidad Fiscal, AIReF.
O panel de expertos desta reunión, como parte do programa de análise de AIReF sobre cuestións estruturais con incidencia na sostibilidade das contas públicas, contará, entre outras voces, coa do economista da DG de Asuntos Económicos e Financeiros da Comisión Europea Nicola Gagliardi.
Como parte da súa tarefa de avaliación continua do ciclo orzamentario, o endebedamento público e a análise das previsións económicas, a AIReF celebrará o vindeiro 5 de novembro en Madrid un seminario específico para abordar as implicacións do cambio climático a nivel de políticas públicas, planificación de escenarios macroeconómicos e as súas derivadas fiscais no seo da Unión Europea.
Experta de referencia en economía ambiental, cambio climático e sostibilidade, a catedrática da USC e directora científica de ECOBAS, María Loureiro, será a encargada de abrir o seminario cunha ponencia sobre a valoración económica de danos e os beneficios ambientais.
Completarán un programa de primeiro nivel os relatorios de Mikel González-Eguino, profesor de investigación Ikerbasque no Basque Centre for Climate Change; Julián Cubero, economista líder de Economía do Cambio Climático de BBVA Research; Francisco Espejo Gil, subdirector de Estudos e Relacións Internacionais do Consorcio de Compensación de Seguros (CCS); e Nicola Gagliardi, economista da DG de Asuntos Económicos e Financeiros (DG ECFIN) da Comisión Europea.