21/01/2020

A Cátedra ARDÁN ampliarase e permitirá traballar nun indicador sobre a xestión do talento nas empresas galegas

A Cátedra ARDÁN, convenio de colaboración entre o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo impulsado por ECOBAS e asinado no ano 2018, ampliarase coa elaboración dun novo indicador que avaliará a xestión do talento nas empresas galegas.

O Reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o Delegado do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, asinaron onte unha ampliación da Cátedra ARDÁN, un convenio que ambas institucións manteñen dende o ano 2018, o que suporá un incremento no seu orzamento ata acadar os 150.000€. Ese convenio, impulsado por ECOBAS, serve de marco para a realización de traballos coma o Informe ARDÁN, un estudo que se publica cada ano e que contén diversos capítulos nos que se analizan aspectos relevantes da organización e funcionamento das empresas galegas, coma a competitividade, a capacidade de innovación, a internacionalización, o grao de circularidade ou a igualdade de xénero.

A ampliación da Cátedra servirá para engadir un novo indicador sobre a xestión do talento, que avaliará a capacidade das empresas galegas para formar, motivar e atraer persoal cualificado. Ademais, o incremento orzamentario permitirá tamén deseñar dunha ferramenta en liña sobre igualdade de xénero coa que as compañías serán quen de coñecer a súa situación e dispoñer da información necesaria para tomar decisións á hora de implementar medidas de mellora.