
A 1ª feira científica de ECOBAS terá lugar en Vigo cunha xincana aberta á cidadanía
Economía, sostibilidade, finanzas e desinformación conforman un itinerario de “viaxe” ideado para público de todas as idades
A feira será o vindeiro sábado pola tarde no centro de ocio A Laxe de Vigo
Que teñen en común os Vingadores, un tractor, unha partida de bingo e unha rede de metro? Todos poden axudarnos a entender mellor o mundo no que vivimos. Esa é a proposta da primeira feira científica do Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas, que o vindeiro sábado 21 de novembro transformará o centro de ocio da Laxe de Vigo nunha estación de metro con paradas para a experimentación, xogos e descubrimentos coas que demostrar que a investigación en ciencias sociais é determinante para resolver os retos que encara a sociedade e contribuír á mellora da vida das persoas do planeta.
Baixo o lema Catro liñas, unha parada: Ecobas, a feira propón unha orixinal xincana inspirada nos mapas de metro. As persoas participantes recibirán un billete de metro científico con dez viaxes que selarán ao percorrer as diferentes áreas temáticas para recibir un pequeno agasallo ao finalizar a experiencia. En cada estación atoparán xogos e dinámicas conducidas polo propio persoal investigador, que lles permitirán aprender conceptos científicos dun xeito sinxelo, próximo e participativo.
A actividade, dirixida a público infantil, adolescente e adulto e que se desenvolverá de 17.00 a 20.30 horas, forma parte do programa de actividades das xornadas de portas abertas de Ecobas, coas que o centro busca achegar á sociedade o traballo científico que desenvolve, compartir os seus resultados e amosar como o coñecemento xerado nas universidades pode contribuír a dar resposta aos desafíos económicos, ambientais e sociais.
Catro liñas de ‘metro’
Na primeira liña, A economía move o mundo, as e os participantes poderán experimentar coa macroeconomía traballando conceptos complexos dun modo sinxelo, divertido e comprensible a través de retos como O desafío dos Avengers para público adolescente ou adulto ou Tractor ou nada para público infantil. Na segunda, Sostibilidade: persoas e planeta, o público achegarase a liñas de investigación prioritarias para Ecobas como a economía circular ou as estratexias de adaptación e mitigación do cambio climático con propostas como un bingo ambiental e o trivial da sostibilidade.
Ecobas investiga sobre como a educación financeira impacta positivamente na vida das persoas, na xeración de oportunidades e na toma de decisións cotiás. Por ese motivo, a terceira liña estará dedicada ás finanzas para o benestar, con actividades como A oca do teu peto, un xogo para aprender a tomar decisións económicas e comprender mellor a importancia de xestionar os recursos persoais. O percorrido completarase coa cuarta liña, Ciencia para a cidadanía, na que un ‘escape box’ converterá a investigación nun reto colectivo e nun laboratorio contra os bulos que demostrará que o coñecemento que achega a investigación en ciencias sociais é unha ferramenta poderosa contra o fenómeno da desinformación.
Investigación para comprender e transformar a sociedade
Esta feira científica é unha oportunidade para dar a coñecer o traballo de Ecobas, Economics and Business Administration for Society, un centro de investigación interuniversitario especializado no estudo da sustentabilidade desde unha perspectiva económica, ambiental e social. Integrado por máis de 130 investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, Ecobas desenvolve a súa actividade principalmente no ámbito das ciencias sociais, especialmente da Economía e da Empresa, co obxectivo de transformar o coñecemento científico en valor para a sociedade.
O centro traballa en colaboración con administracións públicas, empresas, asociacións, fundacións e outras entidades para contribuír á resolución de problemas reais, afrontar desafíos globais e facilitar a transferencia dos resultados da investigación.
Con esta primeira feira científica, Ecobas dá un paso máis na súa aposta pola divulgación e pola conexión entre ciencia e cidadanía, levando a investigación fóra das aulas e dos centros universitarios para convertela nunha experiencia compartida, accesible e participativa.