
ECOBAS coa rapazada en CULLERCIENCIA 2026
📅Sábado 6 de xuño de 2026 🕞 De 12.00 a 20.00 h 📍Culleredo, Explanada do paseo marítimo do Burgo
A oitava edición da feira científica Cullerciencia terá lugar este sábado 6 de xuño no paseo marítimo de O Burgo, en Culleredo, a onde se desprazará unha delegación de persoal investigador de ECOBAS e persoal docente da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC) para achegar a investigación en ciencias sociais á mocidade e tamén aos máis cativos.
Os investigadores de ECOBAS Paulino Montes, Ángeles Longarela, Brais Pociña e Estefanía Mourelle, xunto coas profesoras Yolanda Cotelo, Emilia García e María Cendán da UDC, dinamizarán a xornada no stand das investigación en ciencias sociais, onde as persoas visitantes atoparán:
- O divertido xogo “Rosconomía”, centrado en conceptos económicos. A actividade estará adaptada a diferentes idades, desde os/as máis cativos/as ata as persoas adultas, con preguntas axustadas a cada nivel para fomentar aprendizaxe dunha forma participativa e amena. E haberá bote para os/as que consigan acertar todas as preguntas!
- O “Dilema dos Avengers”, un xogo de cartas de superheroes para ilustrar a teoría de xogos, onde, en varias fases de cooperación, competición e subasta, os/as participantes teñen que xuntar cartas con diferentes graos de poder para ver quen gaña a batalla final.
- “Tractor ou nada”, unha dinámica para desenvolver diferentes conceptos da economía coa rapazada, sobre todo cos/as máis cativos/as. A través dun percorrido por un taboleiro que simula unha granxa, aprenderán como desenvolver unha idea para chegar a un fin (mercar un tractor ecolóxico), de forma que, por exemplo, deberán prantar sementes, obter a colleita, enfrentarse a unha xiada, cobrar intereses, pagar impostos, etc., obtendo recompensas tanto económicas como en especie. O xogo incorpora varios dos ODS para que entendan a súa importancia no día a día e nas nosas vidas.
A feira organizada polo CEIP Ría do Burgo contará este ano cun total de 34 expositores onde participar en múltiples experimentos e distintas iniciativas de divulgación científica, dende as 12 h e ata as 20 h, con acceso libre para o público xeral e as visitas programadas de alumnado de centros escolares de Oleiros, Cambre, A Coruña, Vigo e As Pontes.
A feira organizada polo CEIP Ría do Burgo contará este ano cun total de 34 expositores onde participar en múltiples experimentos e distintas iniciativas de divulgación científica, dende as 12 h e ata as 20 h, con acceso libre para o público xeral e as visitas programadas de alumnado de centros escolares de Oleiros, Cambre, A Coruña, Vigo e As Pontes.