25/11/2025

A ciencia a favor do territorio

Como parte das súas accións de portas abertas e conversa coa sociedade, ECOBAS será parte a vindeira semana do Foro Económico “Industrialización sostible”, un encontro pensado para crear un espazo de diálogo entre o tecido económico, social e académico lucense, analizando os retos industriais da provincia de Lugo, para poder afrontar o reto da transición ecolóxica e sustentable mediante a industrialización dos sectores máis potentes e con proxección na economía provincial, como o sector agroalimentario.

A coordinadora de Transferencia de ECOBAS, Isabel Neira, será unha das participantes na mesa redonda “A ciencia a favor do territorio”. Moderada por Leticia Regueiro, de Medrar Innovation Office, esta sesión contará ademais con Inés Santé Riveira, do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Cintia Folegueira Cobos, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e Mª Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da Área Tecnoloxía dos Alimentos da USC-Campus de Lugo.

Organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo, este encontro forma parte da iniciativa CONECTA LUGO e aportará a complementariedade dos enfoques de representantes de administración, universidade e mundo empresarial, con nomes propios como AMSlab, Aresa e Aluman.

INFORMACIÓNS PRÁCTICAS