
Como construír sociedades máis xustas?
A Rede Española de Elección Social celebra na UVigo o seu encontro anual da man de CITMAga e ECOBAS
Persoal investigador experto debaterá, entre outros temas, sobre os modelos que dan lugar á medición do benestar nas sociedades
Como medir o benestar das sociedades ou a distribución dos recursos públicos? Como abordar o deseño dos sistemas de votación nos sistemas electorais democráticos? E como encarar este tipo de retos de interese xeral para a ciudadanía baixo os principios de xustiza e eficiencia?
Cuestións coma estas son as que motivan o traballo da Rede Española de Elección Social (REES), que este ano celebra o seu vixésimo terceiro congreso coa Universidade de Vigo como anfitrioa e coorganizado polos centros de investigación interuniversitarios CITMAga e ECOBAS.
Unha trintena de especialistas pertencentes a diversas universidades españolas daranse cita os vindeiros 27 e 28 de novembro no edificio Redeiras para afondar nas últimas investigacións dos grupos máis activos en España e con maior proxección internacional neste ámbito.
Froito do traballo combinado das matemáticas, a economía e a ciencia política, a investigación en elección social “axuda a comprender e a xestionarnos como colectividade no mundo no que vivimos”, segundo explica unha das responsables da organización do simposio, a investigadora do CITMAga e profesora da UVigo María Gómez Rúa. Malia a ser unha gran descoñecida para o conxunto da sociedade, a elección social serve para organizar todo tipo de sistemas para a colectividade. “Afanámonos en deseñar sistemas xustos e equitativos ao servizo da economía e tamén da convivencia, en xeral útiles para resolver situacións nas que as preferencias dunhas persoas entran en conflito coas doutras”, apunta Gustavo Bergantiños Cid, investigador de Ecobas experto en teoría de xogos e coorganizador do congreso xunto a Gómez Rúa, docentes ambos os dous da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
Contribución á xustiza distributiva e aplicación a problemas económicos reais
Con implicacións para a economía pública, a organización industrial ou o deseño de mecanismos de decisión colectiva, a comunidade investigadora en elección social afondará neste congreso nos traballos máis recentes en modelos que buscan repartir beneficios, custos e responsabilidades entre individuos con intereses e preferencias diferentes.
Así, polos seus traballos para agregar as preferencias individuais e transformalas en información relevante para as decisións colectivas, os participantes coñecerán de primeira man o traballo de Philippe Solal, da Université de Saint-Étienne (Francia), que participará como relator convidado. Con resultados de aplicación práctica en ámbitos concretos, a súa investigación amosa como os modelos de teoría de xogos poden axudar a determinar, por exemplo, a mellor fórmula para distribuír os custos de infraestruturas e servizos compartidos no sector do transporte de mercadorías perigosas.
Un espazo para o intercambio científico interxeracional
O encontro científico, que contará con participación internacional procedente de Francia e China, pretende contribuir a impulsar e fortalecer a elección social como área de investigación, tecendo lazos e conexións para enriquecer o traballo académico. Neste sentido, o equipo organizador salienta a oportunidade que supón ter logrado incorporar a perspectiva interxeracional neste encontro, reunindo nun mesmo foro as miradas complementarias que aportan as distintas etapas da carreira investigadora. Así, persoal investigador con experiencia acumulada en dilatadas traxectorias compartirá o seu coñecemento coas miradas máis novas, incluíndo a estudantado de doutoramento de distintas ramas das ciencias sociais.
Da man de María Gómez e Gustavo Bergantiños, mostra da importancia da cooperación interinstitucional e do traballo conxunto na organización de iniciativas para o progreso da ciencia social, a suma de vontades entre CITMAga e Ecobas na Universidade de Vigo conta ademais no comité organizador deste encontro con Leticia Lorenzo Picado (UVigo-CITMAga), Juan Vidal Puga (UVigo-CITMAga), Flip Klijn (Instituto de Análisis Económico, CSIC) e Marc Vorsatz (UNED).