29/10/26

ECOBAS e AECO activan a Ciencia Aberta en conexión coas empresarias da provincia

Activar a conexión ciencia-empresa e poñer a investigación en ciencias sociais ao servicio do tecido produtivo da provincia. Este foi o obxectivo que reuniu hoxe na Coruña aos representantes do centro de investigación interuniversitario ECOBAS cunha representación da Asociación de Empresarias AECO, acción que forma parte do traballo relacional co que o persoal de ECOBAS está a promover o acceso aberto á investigación científica.

Este encontro de conexión e networking, concebido para favorecer o diálogo aberto entre o mundo da investigación académica e outros sistemas de coñecemento, serviu para activar unha nova canle de conexión directa coa comunidade empresarial local e axentes clave da contorna.

As oportunidades na economía dos datos, o reto da dixitalización trala irrupción da intelixencia artificial ou a necesidade de orientar os procesos de negocio dende o enfoque da innovación, a mellora continua e o desenvolvemento sostible foron algúns dos asuntos centrais tratados no transcurso da sesión.

Nesta iniciativa tomaron parte varios membros do equipo científico de ECOBAS, nunha delegación encabezada pola súa directora científica, María Loureiro. Por parte de AECO, a presidenta da organización, Ani Ulloa, acudiu acompañada por un grupo de empresarias representantes de diversos sectores de actividade, dende o ámbito da saúde e o benestar ata a consultoría tecnolóxica, a auga, a moda ou a implantación da sostibilidade nas organizacións.

A achega cunha entidade como AECO, integrada no programa de Portas Abertas de ECOBAS 2026, responde á vocación de servizo e utilidade social do centro de investigación interuniversitario, onde o tecido empresarial e os axentes relacionais da contorna xogan un papel central.