21/09/26

ECOBAS desembarca na G-Night das tres universidades galegas

Dende un laboratorio para desmontar bulos ata unha andaina de marketing para saber como traballa esta disciplina para influir nas nosas decisións de compra no punto de venda. Traballaremos coa pegada ecolóxica e aprenderemos como incoporar a economía circular ás nosas vidas. O persoal investigador de ECOBAS participa este ano na Noite Galega das Persoas Investigadoras, a G-Night, con múltiples actividades nas tres universidades galegas. Compartiremos coñecemento e avances motivados polas ciencias sociais cun programa diverso de obradoiros que levaremos adiante nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

ECOBAS participa na Noite das Persoas Investigadoras con actividades gratuítas de divulgación científica para achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas. Será unha tarde de lecer e unha mirada aberta á xeneración de coñecemento. A G-Night aúna de forma atractiva e divertida investigación, cultura científica e educación para toda a familia.

A CORUÑA >> Economízate

LUGAR | Dársena da Mariña (inmediacións Sede Autoridade Portuaria)

Queres coñecer como funciona a economía, como impacta no teu día a día? Achégate ao noso espazo para descubrir e aprender xogando. Haberá agasallos para todos!

A regra 50-30-20

Ordena as túas finanzas persoais, gastos, aforros… Como facelo ben? Actividade para maiores de 14 anos.

O Laboratorio da Substitución

Veremos como non todas as economías responden igual cando cambian as condicións. Experimenta con diferentes combinacións de factores de produción e descubre como a elasticidade de substitución pode impulsar, ou limitar, o crecemento económico. Actividade para maiores de 14 anos.

Tractor ou nada

A través dun percorrido por este taboleiro, simulación dunha granxa, a rapazada aprenderá como desenvolver unha idea que lles permita acadar o reto: mercar un tractor ecolóxico. Terán que plantar sementes, obter a colleita, enfrontarse a unha xeada, cobrar intereses, pagar impostos, etc., e obterán recompensas tanto económicas como en especie. Actividade para menores de 12 anos.

Deseña unha Alianza Europea de Universidades

Para construír a universidade do futuro: como se crea unha alianza entre universidades de distintos países? Xogando en equipo, participarás no deseño dunha proposta de alianza a partir de universidades reais e dos seus contextos territoriais. Misión, valores, principais liñas de actuación, proxectos… Terás que tomar moitas decisións estratéxicas. Verás a túa proposta en relación co que esas mesmas universidades crearon na realidade. Actividade para maiores de 15 anos.

Andaina de Marketing

Ven connosco a visitar un establecemento comercial de Inditex (en Rúa Compostela, A Coruña) para coñecer de que maneira o punto de venda pode influír no consumidor e no seu comportamento, empregando variables de marketing coma a disposición do produto dentro da tenda, o emprego da cor, a iluminación, ou as zonas con ofertas comerciais. A andaina basearase na proposta científica do modelo S-O-R de Mehrabian e Russell (1974) e de Donovan e Rossiter (1982). A investigadora de ECOBAS e catedrática da área de Marketing da UDC, Cristina Calvo Porral, conducirá esta andaina.
Hora: 16:00 h · Duración: 30 minutos · Actividade para todas as idades · PRAZAS LIMITADAS · Imprescindible INSCRICIÓN AQUÍ

VIGO >> Natureza, empresa, ciberespazo? Bingo!

LUGAR | Edificio Redeiras (Rúa Ribeira do Berbés), 3º andar

Porque somos seres sociais que interactuamos coa natureza e porque a actividade humana impacta en todo o que nos rodea, en modo analóxico e en dixital, convidámosvos a un percorrido polos temas da investigación en sostibilidade cos que, sen sabelo, gobernan cada día distintos aspectos das nosas vidas. Participa nos diversos obradoiros que temos preparados. Teárs agasallo asegurado! 

Descubre a túa pegada ecolóxica

Cantos planetas serían necesarios se todas as persoas vivisen coma ti? Nesta actividade interactiva poderás calcular a túa pegada ecolóxica mediante unha ferramenta dixital sinxela e intuitiva. Descubrirás como os teus hábitos de vida inflúen sobre os recursos do planeta e coñecerás pequenas accións cotiás coas que contribuír a reducir a túa pegada, protexer a natureza e transitar cara a unha economía mais circular e sostible.

Desafío Climático

E se puideras contribuír a salvar o planeta? Pon a proba os teus coñecementos sobre o cambio climático nunha experiencia express e resultados en tempo real, sen necesidade de experiencia previa, ideal para calquera idade.

Escapa dos bulos con ciencia

Ponte a proba coa nosa “Escape Box”: atrévete a salvar unha empresa que corre serios riscos por culpa do efecto de mitos e bulos que amenazan a súa actividade e que ti deberás desmontar. O propósito, a sostibilidade e a competitividade, a innovación, a intelixencia artificial, a estratexia empresarial… ofrecerán un percorrido de retos que resolver. Deberás seguir as diferentes pistas, desvelar o que agochan… e lograr abrir a caixa. Conseguirás o teu agasallo! E será empregando a ciencia como ferramenta (infalible) contra a desinformación.

SANTIAGO DE COMPOSTELA >> Os teus cartos, o teu benestar

LUGAR | Claustro de Fonseca, s/n

A oca do teu peto é o xogo co que descubrirás a relación das persoas co diñeiro, un asunto que moito nos intriga e que imos explorar en vivo. Participa, pregunta, xoga, aprende, divírtete connosco e consegue o teu agasallo. Haberá para todos!