María Barreiro e Rubén Lago recibirán de RAGC-UIE os premios de Ciencias Sociais a Xóvenes Investigadoras e Investigadores
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) celebran este xoves 18 de xuño o acto de entrega da segunda edición dos “Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves”.
O evento terá lugar no Centro Obra Social ABANCA de Santiago, a partir das 18:30 horas, e está aberto ao público. Ademais, retransmitirase en directo a través de Afundación TV.
Estes galardóns buscan impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade.
Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, na categoría de Ciencias Básicas a galardoada é Verónica Bolón, da Universidade da Coruña, pioneira en deseñar sistemas de intelixencia artificial sustentables; en Ciencias Técnicas distínguese a Laura Castro, do Campus Industrial de Ferrol, polo seu labor no campo das enerxías renovables mariñas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a María Barreiro, investigadora de ECOBAS na UDC, cuxa investigación busca axudar ás organizacións a ser máis sostibles.
Outorgaranse ademais un total de catro accésits: a Rubén Lado, investigador de ECOBAS na USC; a Manuel Souto, Ismael González, da USC; e a Lucía Díaz da UVigo.
No evento van participar o secretario xeral da UIE, Pedro Otero; e o presidente da RAGC, Juan Lema, xunto a outros membros dos dous organismos. Asistirán ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da Universidade de Santiago, Almudena Hospido; e representantes doutras entidades políticas, culturais, científicas e académicas galegas.


