20/05/2026

ECOBAS trae a Galicia a Escola de Verán Europea de Economía Ambiental

ECOBAS desenvolverá o vindeiro mes de xuño a EAERE Summer School 2026, programa formativo de prestixio mundial no eido da economía ambiental e dos recursos naturais

Esta será a primeira de cinco edicións que se levarán a cabo en Galicia, logo de que a candidatura do centro de investigación interuniversitario resultase elixida fronte ás presentadas por outras institucións educativas europeas

20 de maio de 2026.- A EAERE Summer School, programa formativo de prestixio mundial no eido da economia ambiental e dos recursos naturais, chegará a Galicia o vindeiro mes de xuño froito do acordo alcanzado polo centro de investigación interuniversitario ECOBAS coa European Association of Environmental and Resource Economists-EAERE.

Durante os vindeiros cinco anos, ECOBAS será responsable da organización desta escola de verán de renome internacional, que permitirá atraer a Galicia o mellor talento investigador internacional neste eido.

A integración da intelixencia artificial (IA) na economía ambiental será a temática  deste programa de formación avanzada dirixido ao talento mozo, estudantado de doutoramento e persoal investigador predoutoral de múltiples nacionalidades, que se reunirán en Santiago de Compostela o vindeiro mes de xuño, baixo a coordinación da directora científica de ECOBAS, María Loureiro.

Cun panel de relatores de alto impacto na academia, a edición 2026 da EAERE Summer School ofrecerá ao alumnado participante un enfoque de transformación da investigación para comprender e abordar os desafíos ecolóxicos do século XXI, nun escenario global marcado polo cambio climático, a transición enerxética e a necesidade urxente dunha xestión sostible dos recursos naturais.

Combinando fundamentos teóricos, demostracións aplicadas e experiencias prácticas, o programa afondará no coñecemento de ferramentas baseadas en IA para mellorar a precisión analítica, descubrir relacións causais complexas e deseñar políticas ambientais máis efectivas. O obxectivo é que alumnado coñeza o potencial destas técnicas, pero tamén as súas limitacións e implicacións éticas.

Dúas ERC Advanced Grant, entre o elenco de profesores

A Escola de Verán organizada por ECOBAS reunirá en Compostela a un elenco de relatores de primeiro nivel, nomes propios da economía ambiental polo seu traballo de impacto mundial e ampla influenza internacional. Entre eles, dúas mulleres investigadoras beneficiarias das prestixiosas axudas Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), recoñecidas polos seus traballos pioneiro e de alto potencial: Natalia Fabra e Elena Verdolini.

Xunto coa directora científica de ECOBAS e catedrática da USC María Loureiro, conforman o cadro de profesorado do programa:

Natalia Fabra, profesora de Economía en CEMFI, especializada en Organización Industrial, con énfase en enerxía, medio ambiente, regulación e política de competencia, é investigadora afiliada a institucións internacionais como o CEPR e CESifo, e colabora con organismos como a Comisión Europea (EAGCP).

João Gama, figura de referencia internacional na ciencia de datos e na aprendizaxe automática, cun índice h de 80 e máis de 400 publicacións, é unha autoridade fundamental en aprendizaxe de fluxos de datos, redes dinámicas, razoamento probabilístico e causalidade.

Luis Seco, director do Programa de Finanzas Matemáticas na University of Toronto, director de Risklab, é un referente na investigación en finanzas cuantitativas.

Elena Verdolini, Senior Scientist no Euro-Mediterranean Center on Climate Change, onde lidera a investigación en innovación sostible e dixitalización, foi autora principal do Sexto Informe de Avaliación do IPCC, de relevancia global. O seu traballo céntrase na innovación tecnolóxica, na transición enerxética e no impacto económico das políticas climáticas..

O panel de expertos verase ademais complementado coa participación de Miguel Ángel García Tamargo como relator convidado do ámbito empresarial. Alto directivo cunha destacada traxectoria en expansión internacional, actualmente é CEO de Nature Brain.

REMATE DO PRAZO DE SOLICITUDES

Ata o 20 de maio está aberto o período de recepción de solicitudes de alumnado, que ademais do seu curriculum vitae deberá presentar unha carta de motivación, unha carta de recomendación do director/a de tese e un primeiro borrador do traballo que propón presentar. A información detallada completa está accesible na web oficial do programa.

SOBRE EAERE

Fundada en 1990, EAERE conta con aproximadamente 1.300 membros en máis de 70 países, procedentes de institucións académicas e de investigación, organizacións internacionais, o sector público e o mundo empresarial con acreditada implicación na economía ambiental, climática e de recursos como disciplina científica.