REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DO CENTRO INTERUNIVERSITARIO “ECONOMICS AND BUSINESS ADMINISTRATION FOR SOCIETY” (ECOBAS)
As universidades que conforman o Sistema Universitario Galego son o espazo no que se acumula a meirande parte da investigación que se realiza en Ciencias Socias e Humanidades na nosa comunidade. En moitos ámbitos tense acadado, tendo como base o grupo de investigación, un alto nivel de excelencia científica internacional e recoñecemento social.
É evidente que unha sociedade en transformación necesita impulsar a investigación en ámbitos experimentais, pero nunca debe deixar atrás a investigación centrada nas persoas e na comunidade, como as areas de Economía, Empresa, e Sustentabilidade, nas súas amplas e diversas formas de expresión.
Hoxe en día imponse a necesidade de afrontar os retos da sociedade dende unha visión integral, que esixe unha abordaxe interdisciplinar e transdisciplinar. O centro ECOBAS é o froito do traballo de acercamento entre grupos de investigación que dende orixes e ámbitos científicos distintos converxen, logo dun proceso de maduración e priorización, na procura de entender e dar resposta a retos de desenvolvemento económico sostible, nas súas dimensións económicas e sociais, fundamentalmente. Este traballo leva anos realizándose, primeiro coa experiencia da Rede Galega de Investigación en Análise Económica e Estratexia Empresarial, e posteriormente, dende o 2015, coa formación da Agrupación Estratéxica do mesmo nome, que é o gromo para a posta en marcha deste Centro.
Así, apóstase pola creación dun Centro interuniversitario con capacidade para unir forzas, masa crítica e o coñecemento presente nas tres universidades galegas, coa finalidade de converterse nun referente internacional no eido das ciencias socias en investigación, formación e na súa transferencia á sociedade, tanto á civil, como ao mundo empresarial e as institucións públicas.
CAPÍTULO 1: DENOMINACIÓN, NATUREZA FINS E SEDE
Artigo 1.- ECOBAS
O Centro Interuniversitario de Investigación ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), en adiante ECOBAS, constitúese como un Centro do que forman parte, no marco do Sistema Universitario Galego, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, e que ten coma obxectivo estratéxico desenvolver investigacións e xerar coñecemento científico de excelencia no ámbito da economía e empresa, nun sentido amplo.
Este regulamento ten por obxecto a regulación do réxime interno do Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS, no marco do Convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, e das normativas propias de cada universidade.
A constitución de ECOBAS realízase tendo en conta o disposto na Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, e a Lei 6/2013 de 13 de xuño do Sistema Universitario de Galicia.
Artigo 2.- O marco legal de ECOBAS
ECOBAS, como Centro Interuniversitario, dependerá organicamente dos Consellos de Goberno das tres universidades e rexerase por:
- A Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades e as súas disposicións regulamentarias.
- A Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.
- A Lei 6/2013, de 13 de xuño, do sistema Universitario de Galicia.
- A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.
- O convenio de colaboración asinado entre as universidade de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela para a creación de ECOBAS.
- O presente Regulamento.
Artigo 3.- Sede de ECOBAS
1.- A sede de ECOBAS establecerase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, e poderá contar con outras sedes nos campus universitarios galegos onde existan investigadores/as adscritos/as.
2.- Adicionalmente, as actividades de ECOBAS poderán desenvolverse nos centros e espazos universitarios nos que estean situados os distintos grupos de investigación aos que pertenzan os investigadores/as vinculados ao mesmo.
Artigo 4.- Obxecto e fins de ECOBAS
ECOBAS ten por obxecto o estudo da sustentabilidade económica, ambiental e social, desde unha investigación de excelencia, a través dunha axenda científica especializada, dirixida á consecución dos retos da sociedade, e cunha clara orientación á transferencia de coñecemento.
ECOBAS ten como fins concretas:
- Exercer un liderado científico no estudo multidisciplinar da sustentabilidade (económica, ambiental e social) a través da diferenciación, a especialización e a investigación de fronteira
- Posicionarse e consolidarse como un centro de excelencia na investigación no eido das ciencias sociais, particularmente a Economía e a Empresa
- Fomentar e potenciar a formación de calidade e a súa internacionalización no ámbito de coñecemento
- Acadar un maior impacto e proxección económica e social, promovendo a explotación dos resultados da investigación e a transferencia de coñecemento, tanto ao sector público coma o privado
- Fomentar a capacitación e potenciación do talento investigador con capacidade de liderado científico
- Promover a innovación a través da cooperación con entidades públicas, privadas e non gobernamentais
- Desenvolver programas de investigación conxuntos con outras entidades e centros de investigación, coa fin de crear un entorno de excelencia en ciencia e tecnoloxía de recoñecemento internacional
- Fomentar a creación e consolidación de equipos de investigación cada vez máis competitivos e interdisciplinares, á vez que reducir o desequilibrio entre homes e mulleres na ciencia e na tecnoloxía, así como nas posicións de liderado científico
- Calquera outra actividade relacionada coa investigación, formación, transferencia e/ou difusión incluída dentro das liñas estratéxicas de actuación e investigación do Centro.
CAPÍTULO 2: ORGANIZACIÓN E ESTRUCTURA
Artigo 5.- Estrutura de ECOBAS
Para facilitar o desenvolvemento da súa actividade científica e de transferencia do coñecemento, ECOBAS configúrase arredor de eixos e liñas de investigación que serán os responsables do impulso e seguimento das actividades de investigación e transferencia, e do desenvolvemento da Axenda Científica, así como dos seus resultados e impacto. Os devanditos eixos de investigación estarán representados por investigadores/as no Comité Científico e de Innovación.
Os campos de investigación contarán co apoio dos recursos tecnolóxicos, de promoción e de administración comúns dos que se dote o Centro.
Artigo 6.- Principios do goberno de ECOBAS
ECOBAS guiarase polos principios do bo goberno en relación coa administración e a rendición de contas, tanto no referente ao seu ámbito público, como ao interno e naquilo relativo aos seus integrantes, en consonancia cos códigos e principios que a nivel europeo deben ser observados por toda entidade do ámbito académico e da investigación científica.
No marco das leis que sexan de aplicación, a gobernanza asentarase nuns principios básicos que se recollen a continuación, e que inspirarán todas e cada unha das accións desenvoltas no seu seo:
- Competencia e capacidade como méritos fundamentais na selección de persoal e promoción do mesmo (principios OTMR)
- Innovación e apertura ao cambio, tanto na xestión como nas liñas de investigación propostas
- Conducta responsable, transparencia e conducta ética en todos os ámbitos de gobernanza
- Conducta xusta sobre eleccións, representación e participación nos órganos de goberno
- Eficiencia e eficacia na xestión de recursos públicos, e aplicación de principios financeiros responsables
- Sustentabilidade e planificación a longo prazo cara a posicionar o centro coma un referente no ámbito da súa investigación
Artigo 7.- Goberno
O funcionamento de ECOBAS organizase en torno a os seguintes órganos:
- Consello Reitor
- Comité Científico e de Innovación
- Comité Asesor Externo – CAE
- Director/a do Centro
- Director/a Científico/a
- Secretario/a do Centro
- Coordinador/a de Transferencia
- Coordinador/a de Formación
Os cargos de director/a, director/a científico/a, e secretario/a pertencerán sempre a distinta universidade.
Artigo 8.- O Consello Reitor
O Consello Reitor é o máximo órgano de goberno do Centro, que será presidido por un Reitor/a dalgunha das tres universidades do SUG. Esta presidencia será rotativa entre as universidades. O Consello Reitor integra a representación en materia de investigación e transferencia das universidades participantes, e a súa composición será:
- Presidente: o/a Reitor/a da universidade que corresponda.
- Un/ha vicerreitor/a de cada unha das universidades participantes con responsabilidade nos ámbitos de investigación e transferencia de coñecemento.
- O/a xerente da Universidade que corresponda, ou persoa en quen delegue.
- O/a Director/a do Centro, con voz pero sen voto.
- O/a Director/a Científico/a do Centro, con voz pero sen voto.
- O/a Secretario/a do Centro, con voz pero sen voto.
Son funcións do Consello Reitor:
- Aprobar a elección do Director/a do Centro a proposta do Presidente, co visto bo do Comité Asesor Externo (CAE).
- Aprobar a renovación do Director/a do Centro, a proposta razoada dunha maioría absoluta dos integrantes do Comité Científico e de Innovación.
- Aprobar o plan estratéxico do Centro e as súas modificacións, e facer seguimento anual do plan de acción e das medidas propostas polo Comité Asesor Externo.
- Aprobar a proposta de orzamentos e programación de ECOBAS.
- Aprobar as memorias anuais de actividades e a económica, e dar conta das mesmas aos consellos de goberno das universidades.
- Promover o financiamento e a dotación de infraestruturas do centro.
- Nomear ao Comité Asesor Externo previsto no Regulamento, e establecer o seu funcionamento.
- Ratificar o ingreso de membros en ECOBAS, e aprobar a súa desvinculación, salvo cando sexa por petición propia.
O Consello Reitor reunirase en sesión ordinaria cando menos dúas veces ao ano, e, en sesión extraordinaria, cando sexa convocado polo Comité Científico e de Innovación, por solicitude da metade máis un dos seus membros, ou polo Director/a de Centro por decisión propia.
Artigo 9.- O/A Director/a de ECOBAS
O/A Director/do Centro será nomeado polo/a Presidente/a do Consello Reitor a petición do Comité Científico e de Innovación, contando co informe favorable do Comité Asesor Externo, e a súa vixencia no cargo será de catro anos, renovables. O/a Director/a deberá ser persoal docente e investigador dunha universidade que forme parte de ECOBAS, ter o título de doutor/a, vinculación permanente coa súa entidade de orixe, ter unha traxectoria académica e científica recoñecida, e estar vinculado/a ao Centro. Poderá ser reelixido/a por outro período de igual duración, ata un máximo de dous mandatos.
O/A Director/a de ECOBAS terá dereito ós complementos retributivos e á redución docente equivalentes a aquela establecida para as persoas que ocupen un cargo análogo dentro da súa Universidade.
Son funcións do/a Director/a:
- Exercer a dirección do centro e ostentar a súa representación ante institucións, empresas e outras entidades.
- Promover e fomentar as relacións do Centro con Institucións, Organismos Públicos e con empresas.
- Asistir ás reunións do Consello Reitor.
- Organizar e coordinar os recursos materiais e persoais dispoñibles para o bo funcionamento do centro.
- Xestionar o espazo dispoñible do Centro entre o seu persoal.
- Executar o orzamento, coa autorización dos distintos pagamentos dentro dos límites establecidos polo Consello Reitor e segundo a normativa da institución á que se adscriba o Centro.
- Propoñer a contratación do persoal do Centro.
- Elaborar a memoria anual de actividades.
- Elaborar a planificación estratéxica do Centro e o deseño de medios para a súa implantación e seguimento.
- Trasladar ao persoal investigador as directrices adecuadas para que a actividade do centro se adecúe ao seu plan estratéxico e cos obxectivos científicos nel contidos.
- Propoñer ó/á Director/a Científico/a e ao/a secretario/a ante o Consello Reitor.
- Presidir as reunións do Comité Científico e de Innovación.
- Colaborar nos procesos de avaliación externa do Centro.
- Supervisar a actividade do Centro e velar polo seu correcto funcionamento.
- Traballar para o cumprimento do código de boas prácticas do Centro por parte de todos/as os/as integrantes do mesmo, tomando as medidas ao seu alcance para tal fin.
- Calquera outra función que lle sexa encomendada expresamente polo Consello Reitor.
O/A Director/a do Centro cesará no seu cargo:
- A petición propia.
- Por revogación do Consello Reitor.
- Por causa legal.
Artigo 10.- O/a Director/a Científico/a
O/A Director/a Científico/a será proposto polo/a Director/a do Centro e nomeado polo Presidente do Consello Reitor, a petición deste, contando co informe favorable do CAE, e a súa vixencia no cargo será de catro anos, renovables, por outro período de igual duración, ata un máximo de dous mandatos.
O/A Director/a Científico/a de ECOBAS terá dereito aos complementos retributivos e ás reducións docentes equivalentes establecidas para as persoas que ocupen un cargo análogo dentro da súa Universidade.
Serán funcións do/a Director/a Científico/a:
- Propoñer e aprobar a Axenda Científica do Centro.
- Apoiar, deseñar e realizar actividades cara ao bo desenvolvemento da Axenda Científica.
- Dar apoio á Dirección nas tarefas de supervisión da actividade.
- Dar apoio á Dirección nas tarefas de elaboración das memorias de actividade e nos procesos de avaliación.
- Dar apoio á Dirección nas tarefas de representación do Centro.
- Propoñer os/as representantes dos axentes públicos e privados que formen parte do Comité Científico e de Innovación.
- Propoñer ós/ás representantes dos/as investigadores/as non permanentes e en formación que se integren no Comité Científico e de Innovación.
- Propoñer ó/á Coordinador/a de Transferencia e ó/á de Formación.
- Exercer a coordinación entre os responsables das distintas áreas estratéxicas.
- Calquera outra función que lle sexa encomendada expresamente pola Dirección e/ou polo Consello Reitor.
O/A Director/a Científico/a cesará no seu cargo:
- A petición propia.
- Por revogación do Consello Reitor.
- Por causa legal.
Artigo 11.- O/A Secretario/a do Centro
O/A Secretario/a será proposto/a polo/pola Director/a do Centro, e nomeado/a polo Presidente do Consello Reitor, contando co informe favorable do CAE, e a súa vixencia no cargo será de catro anos, renovables, por outro período de igual duración, ata un máximo de dous mandatos.
O/A secretario/a de ECOBAS terá dereito aos complementos retributivos e ás reducións docentes equivalentes establecidas para as persoas que ocupen un cargo análogo dentro da súa universidade.
Serán funcións do/a secretario/a do Centro:
- Dar fe dos actos e acordos dos órganos do Centro.
- Apoiar ao/á Director e ao/á Director/a Científico/a na representación e administración do Centro
- Custodiar as actas e a expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do Centro.
- Calquera outra función que lle sexa encomendada expresamente polo Consello Reitor.
O/A Secretario/a cesará no seu cargo:
- A petición propia.
- Por revogación do Consello Reitor.
- Por causa legal.
Artigo 12.- O Comité Científico e de Innovación
Terá como función xeral orientar as liñas mestras de desenvolvemento do plan científico do Centro, e propoñer, baseándose nun informe positivo do Comité Asesor Externo (CAE), o nomeamento do director/a ao Consello Reitor. No Comité Científico e de Innovación garantirase a representación científica das universidades participantes, e estará composto por:
- O/a director/a do Centro.
- O/a director/a científico/a do Centro.
- O/a Secretario/a.
- 4 PDIs representando a Axenda Científica.
- 1 representante do persoal investigador non permanente ou en formación vinculado ao Centro.
- Os/as Coordinadores de Transferencia e Formación,
- Polo menos 2 representantes dos axentes públicos e privados cos que se relacione ECOBAS.
O representante do persoal investigador non permanente ou en formación e os PDIs serán designados polo/a Director/a Científico/a, en base a criterios científicos, de equilibrio entre universidades e de igualdade de xénero.
Serán funcións do Comité Científico e de Innovación:
- Supervisar e validar a Axenda de Investigación proposta polo/a Director/a Científico/a.
- Asesorar á Dirección na toma de decisións.
- Propoñer accións que permitan mellorar a actividade do Centro e a súa relación con outros centros de investigación, institucións, organismos públicos e empresas.
- Participar na valoración das propostas presentadas ás convocatorias internas publicadas polo Centro.
- Participar na avaliación das candidaturas relativas ás ofertas de contratación de persoal investigador do Centro.
- Colaborar na planificación estratéxica do centro.
- Calquera outra función que lle sexa encomendada expresamente pola Dirección e/ou polo Consello Reitor.
O Director/a Científico/a estará en contacto directo có Comité Científico e de Innovación de forma asidua. O Comité Científico e de Innovación reunirase en sesión ordinaria cando menos unha vez ao ano, e, en sesión extraordinaria, cando sexa convocado polo Director/a do Centro por decisión propia ou por solicitude da metade máis un dos seus membros.
Artigo 13.- Coordinador/a de Transferencia
Será a persoa responsable da dirección da eficiente integración das boas prácticas na xestión da transferencia e o impacto económico e social das actividades do Centro. Estará designado/a polo do/a Director/a Científico/a coa aprobación do Consello Reitor, e a súa vixencia no cargo será de catro anos, renovables, por outro período de igual duración, ata un máximo de dous mandatos.Serán funcións do/a Coordinador/a de Transferencia:
- Propoñer novas colaboracións cos distintos axentes da contorna (empresas, PEMES, administracións, entidades sociais…).
- Exercer a representación do Centro ante estes axentes cando así o solicite a Dirección.
- Asesorar á Dirección na toma de decisións relativa a accións de transferencia.
- Propoñer accións que permitan mellorar a actividade de transferencia do Centro e o seu posicionamento na contorna.
- Calquera outra función que lle sexa encomendada expresamente pola Dirección e/ou polo Consello Reitor.
Artigo 14.- Coordinador de Formación
Será a persoa responsable da formación desenvolvida e/ou promovida por ECOBAS. Estará designado/a á proposta do/a Director/a Científico/a, coa aprobación do Consello Reitor, e a súa vixencia no cargo será de catro anos, renovables, por outro período de igual duración, ata un máximo de dous mandatos.
Serán funcións do/a Coordinador/a de Formación:
- Supervisar a actualización, coordinación interuniversitaria e correcto desenvolvemento dos títulos formativos de posgrao promovidos por ECOBAS nos ámbitos de máster e doutoramento, fundamentalmente.
- Propoñer e coordinar a posta en marcha de novas ofertas formativas, tanto de posgrao coma as relativas a competencias específicas e transversais.
- Asesorar á Dirección na toma de decisións relativa ás accións de formación.
- Propoñer accións que permitan mellorar a actividade formativa do Centro.
- Calquera outra función que lle sexa encomendada expresamente pola Dirección e/ou polo Consello Reitor.
Artigo 15.- O Comité Asesor Externo (CAE)
O Comité Asesor Externo (CAE) é un órgano asesor con capacidade e competencias para monitorizar e avaliar de forma continuada a actividade do Centro e dos investigadores vinculados ao mesmo. Deberá incorporar perfís de referencia científica nos campos da Axenda Científica, cunha perspectiva internacional, así como expertos na xestión operativa e dirección de entidades de investigación de características similares a ECOBAS. Estará composto por un máximo de 7 membros e respectará unha participación equilibrada de xénero e entre as áreas de investigación. Ditos membros serán nomeados polo Presidente do Consello Reitor.
Os membros do CAE non poderán ser removidos da mesma salvo por petición propia ou por flagrante deixación das súas funcións e responsabilidades, a solicitude dunha maioría cualificada do Comité Científico e de Innovación ao Consello Reitor.
Serán funcións do Comité Asesor Externo:
- Asesorar á dirección de ECOBAS e ao Consello Reitor sobre calquera aspecto relacionado co funcionamento do centro e a súa Axenda Científica.
- Avaliar a actividade de ECOBAS e do seu persoal, e emitir os correspondentes informes de avaliación.
- Emitir informes sobre a vinculación de novos membros ao centro.
- Emitir informe sobre as persoas candidatas a dirixir o centro, que será perceptivo e vinculante no senso que un informe desfavorable impediría a continuidade dunha candidatura.
- Avaliar globalmente cada catro anos a actividade do Centro.
CAPÍTULO 3: DO PERSOAL
Artigo 16.- Persoal científico: vinculación, desvinculación, avaliación e permanencia
1.- Tipos de persoal científico
O persoal científico de ECOBAS estará formado por investigadores vinculados, que poderán ser:
- Investigadores/as vinculados/as permanentes: serán persoal PDI das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, con vinculación permanente coa institución á que pertenzan, e vinculados ao Centro previa petición e avaliación favorable por parte do Comité Asesor Externo. Poderán ser considerados/as investigadores/as vinculados o persoal investigador contratado baixo a figura de “investigador distinguido”.
- Investigadores/as vinculados/as non permanentes: persoal investigador contratado con cargo a programas ou proxectos de investigación de acordo co marco normativo aplicable, que ostente o título de doutor.
- Investigadores/as en formación: terán esta consideración os/as investigadores/as con contratos predoutorais ou posdoutorais iniciais obtidos en convocatorias competitivas, baixo a dirección ou codirección dun investigador/a vinculado a ECOBAS.
- Investigadores/as colaboradores/as: investigadores/as doutores/as tanto das universidades galegas como doutras entidades públicas ou privadas que colaboren na realización de proxectos ou actividades de ECOBAS.
2.- Vinculación, avaliación e permanencia
A vinculación dun/ha investigador/a a ECOBAS realizarase sobre criterios de méritos de investigación da persoa candidata, e a adecuación do seu currículo e proxecto investigador á axenda científica do Centro.
A persoa investigadora que desexe incorporarse a ECOBAS deberá solicitar ao Comité Científico e de Innovación a súa admisión nos períodos habilitados para elo, achegando os documentos solicitados na expresión de interese, que deberán ser coherentes coa Axenda Científica do Centro.
As solicitudes de incorporación deberán contar co informe favorable do CAE e serán ratificadas polo Consello Reitor.
A actividade do persoal científico do Centro será avaliada polo CAE cada 4 anos. O resultado positivo desta avaliación, mediante informe razoado, será necesario para a continuidade da vinculación dos/as investigadores/as a ECOBAS.
3.- Criterios de avaliación
- Sexenios de investigación e de transferencia recoñecidos ao investigador/a e resultados de avaliación da actividade investigadora recoñecidos pola ACSUG.
- Traxectoria investigadora e a súa coherencia coa Axenda Científica do Centro.
- Publicacións, patentes e teses doutorais dirixidas.
- Proxectos de investigación e contratos e convenios con entidades públicas e privadas coordinados.
- Outros méritos que, no ámbito de investigación do/a investigador/a avaliado/a, poidan ser considerados como relevantes.
4.- Desvinculación
Os/as investigadores/as que non obteñan un informe favorable nas avaliacións ás que sexa sometida a súa actividade investigadora desvincularanse de ECOBAS e non poderán voltar a optar á vinculación ata pasados un mínimo de dous anos dende esta.
Os/as investigadores/as poderán desvincularse de ECOBAS por vontade propia, unha vez transcorridos dous anos dende a súa vinculación inicial ou renovación. En todo caso, deberán facelo cun pre-aviso de 3 meses, e a desvinculación non poderá ter efectos negativos sobre a actividade que se viñera realizando en relación co Centro.
Artigo 17.- Investigador/a garante
Considérase Investigador/a Garante aquel investigador/a vinculado/a que, por reunir criterios de excelencia e competencia científica, avale e garanta o desenvolvemento da axenda científica e obxectivos definidos para o Centro.
Os/As investigadores/as garantes de ECOBAS deberán reunir tres dos seguintes criterios:
- Contar cun Impacto Normalizado superior a 1,3.
- Posuír como mínimo tres sexenios de investigación consecutivos, o último deles vixente.
- Figurar como coordinador/a ou investigador/a responsable de polo menos 3 proxectos de I+D do Programa Marco da Unión Europea ou do Plan Estatal de I+D da Administración Xeral do Estado nos últimos 10 anos anteriores á solicitude de adscrición (quedan excluídas as acciones complementarias y de mobilidade).
- Ter captado polo menos 300.000€ en proxectos competitivos, contratos e/ou convenios nos últimos 5 anos anteriores á solicitude de adscrición.
- Ter dirixido, como mínimo, 3 teses doutorais (xa defendidas) nos últimos 5 anos anteriores á solicitude de adscrición.
Ademais, e de forma excepcional, poden figurar como Investigadores/as Garantes, aqueles/as que non cumprindo tres dos criterios mencionados anteriormente, demostren competencia científica relevante cos campos, liñas e programas da Axenda Científica para dar cobertura á mesma, así como presentar unha traxectoria relevante no eido da transferencia cunha significativa proxección económica e social sobre a contorna.
Artigo 18.- Do persoal técnico e do persoal de apoio
No marco das normas administrativas e laborais que sexan de aplicación, ECOBAS poderá dotarse de persoal especifico:
- Persoal técnico de apoio administrativo ás labores de xestión administrativa, xestión económica, comunicación, informática, apoio á dirección, entre outros.
- Persoal técnico de apoio á investigación, tanto a nivel auxiliar, técnico especialista ou técnico superior, entre outros.
CAPÍTULO 5: RÉXIME ECONÓMICO E MEDIOS
Artigo 19.- Orzamento
O centro ECOBAS terá un orzamento, elaborado e executado de acordo con este Regulamento, e aprobado polo Consello Reitor anualmente.
Artigo 20.- Ingresos
Serán ingresos dentro do orzamento de ECOBAS:
- As cantidades que lle adiquen nos orzamentos anuais as universidades participantes.
- As porcentaxes que se determinen dos ingresos por proxectos, contratos, cursos ou calquera outra actividade realizada polos investigadores/as vinculados/as.
- Os ingresos por prestación de servizos dos investigadores/as vinculados/as.
- As subvencións e doazóns procedentes de entidades públicas ou privadas ou de persoas individuais.
Artigo 21.- Medios materiais
Serán medios materiais de ECOBAS todos aqueles doados ou cedidos por entidades públicas ou privadas, os adquiridos con cargo ao seu orzamento, e os adquiridos en proxectos de infraestruturas presentados polo Centro.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
1.- Unha vez o Regulamento entre en vigor, procederase a designar formalmente aos membros do CAE, ao novo Director/a do Centro , ao/ á Director/a Científico/a e ao/á Secretario/a, abrindo unha chamada de expresión de interese ao persoal investigador que desexe vincularse ao Centro, procedéndose a devandita avaliación das candidaturas recibidas.
2.- Rematado o proceso de selección, elaborarase o censo de investigadores/as e persoal asociado a ECOBAS.
3.- Concluído o procedemento de conformación do censo de investigadores/as vinculados, constituiranse o resto dos órganos do Centro.
DISPOSICIÓN FINAL
Este regulamento entrará en vigor ao día seguinte da publicación no taboleiro das tres universidades do Convenio de Colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo polo que se crea o Centro de Investigación Interuniversitario “Economics and Business Administration for Society” (ECOBAS).