GARANTES

CARLOS HERVÉS

Licénciase en Matemáticas con premio extraordinario pola Universidade de Santiago de Compostela en 1975, e obtén o seu doutoramento na mesma universidade, tamén en Matemáticas e con premio extraordinario, en 1979, realizando parte da súa formación predoutoral na Universidade de Nancy I (Francia). A súa etapa postdoutoral transcorre no Trinity College e o University College de Dublín, nos equipos de a R. Aron e S. Dineen, respectivamente.

En 1980 incorpórase como docente na Facultade de Ciencias Económicas de Vigo, pertencente naquel momento á Universidade de Santiago de Compostela, e a partir deste intre comeza o seu interese pola teoría económica, área na que se enmarca a súa investigación dende o ano 1988. Durante a súa carreira realiza estadías de investigación en importantes centros como a Harvard University (1989), invitado polo profesor A. Mass-Colell, e en 1990 incorpórase en comisión de servizos ó Departamento de Economía da Universidad Carlos III de Madrid, do cal é director entre 1993 e 1995, retornando a Vigo en 1996.

Ten dirixido 13 teses doutorais en economía, publicado numerosos artigos en prestixiosas revistas como Journal of Economic Theory, Journal of Mathematical Economics, Economic Theory, ou Games and Economic Behavior, e é editor asociado das revistas Economic Theory, Journal of Mathematical Economics, Economic Theory Bulletin e Journal of Dynamics and Games. No ano 2021 obtén a medalla Domingo García-Sabell Rivas en Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega de Ciencias.

É o coordinador do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica e Estratexia Empresarial e do Máster en Economía, e dirixe ECOBAS dende a súa creación, coma Agrupación Estratéxica, no ano 2015.